Unións Agrarias ven de solicitar unha reunión de traballo coa nova Directora Xeral de Conservación da Natureza, unha vez que acaba de tomar posesión a semana pasada, e co fin de coñecer de primeira man as liñas de traballo da nova Consellería de Medio Ambiente no rural galego, e a fin de trasladar directamente aqueles temas nos que se viña xa colaborando e onde existían canles de interlocución.
A nova Consellería de Medio Ambiente terá que desenvolver plans específicos de xestión na Rede Natura de Galicia, ven a nivel de Zona de Especial Conservación (ZEC) ou ben a nivel de tipo de ecosistema protexido, tal e como ven demandando Unións Agrarias, e tal e como lle comunicou a Comisión Europea ao Reino de España mediante carta o pasado 27 de febreiro. A CE chamaba seriamente a atención á Xunta de Galicia sobre a insuficiencia e ambigüidade do Plan Director da Rede Natura de Galicia, aprobado en abril do 2014, o que xera unha total indefensión de agricultores, gandeiros e propietarios forestais e Comunidades de Montes que desenvolven a súa actividade dentro da Rede Natura de Galicia.
Asemade toca desenvolver as axudas do FEADER para os agricultores e gandeiros que desenvolven a súa actividade na Rede Natura de Galicia, que figuran no borrador do PDR de Galicia 2014-2021 enviado pola Xunta a Bruxelas, e que leva un ano de retraso na súa aprobación por parte da Unión Europea.
A axeitada prevención e indemnizacións dos danos do xabarín na agricultura galega, é outro dos temas candentes nos que UUAA esixirá avances, que se sumen ás medidas postas en marcha nos últimos anos que apostaron pola colaboración e implicación dos TECOR e sociedades de caza, e o desenvolvemento dun protocolo de comunicación de existencia de danos nos cultivos e autorizacións inmediatas de batidas ou esperas en calquera época do ano, especialmente ao inicio e final das campañas de sementeira e colleita do millo forraxeiro. Queda pendente seguir avanzando na diminución dos danos e na posta en marcha do “Fondo de Corresponsabilidade” que figura na Lei de Caza de Galicia, que cumprirá dous anos de vixencia sen que se teña desenvolvido regulamentariamente. Este Fondo de Corresponsabilidade permitiría indemnizar os danos do xabarín na agricultura, unha vez que o gabinete de Núñez Feijoo suprimiu estas axudas no ano 2010, pouco despois de chegar ao goberno da Xunta..
A xestión do lobo e a indemnización dos danos é outra das asignaturas pendentes. Hai que considerar que no ano 2015 se destinaron únicamente a este fin 106.000 euros para toda Galicia, orzamento tan escaso que se utilizou en pagar os retrasos acumulados dos anos 2013 (214 expedientes) e únicamente 35 expedientes do ano 2014, estando pendentes o resto do pago dos danos do ano 2014 e a totalidade dos acontecidos no 2015. Esta falta de orzamento, e de interese que ven mostrando a Consellería do Medio Ambiente para compensar ás familias do rural que ven seriamente afectado o seu patrimonio e forma de vida pola acción do lobo, está a supoñer un serio retroceso nos avances de concienciación social e de protección da Natureza habido nos últimos anos.





Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.