Dentro do prazo disposto por AGADER para o envío de propostas de actuación no marco do Plan de Desenvolvemento Rural Sostible, 2010-2014, UUAA solicitou a posta en marcha en toda Galicia das medidas contempladas no Real Decreto de aplicación do mesmo, para a subscripción de contratos territoriais de explotación, e de posta en marcha de accións de apoio á gandería extensiva.
Os contratos territoriais de explotación son unha fórmula novidosa contida na Lei 45/2007 para o desenvolvemento sostible do medio rural e consisten en compromisos voluntarios, asumidos polos produtores, para acadar melloras ambientais nas explotacións, como o manexo da gandería extensiva para a prevención de incendios forestais ou a conservación e mellora de determinados hábitats, a conservación da paisaxe agraria tradicional ou o manexo da explotación orientado á conservación de especies. A cambio destes compromisos, o produtor recibiría uns pagos en concepto dos servizos ambientais prestados ao conxunto da sociedade. Poríase en marcha de forma complementaria co actual contrato de explotación sustentable CES, actualmente financiado en Galicia con cargo aos fondos europeos, do Plan de Desenvolvemento Rural 2007-2013, do FEADER.
As medidas de apoio á gandería extensiva contemplan accións como a ordenación do pastoreo extensivo en ecosistemas forestais, a creación de infraestruturas para o manexo do gando extensivo, e a formación de gandeiros en manexo de gando extensivo. O correcto manexo da gandería extensiva, e a súa incorporación ás prácticas sostibles, son unha das claves para acadar unha prevención eficaz dos incendios forestais en Galicia.
O PDRS conta cun presuposto de 170 millóns de euros para Galicia no período 2010-2014, e está cofinanciado por fondos da Comunidade Autónoma e o Estado ao 50%. É consecuencia da aplicación en Galicia da Lei 45/2007 para el desarrollo sostenible del medio rural de ámbito estatal.
A súa posta en marcha farase en 12 zonas homoxéneas que cobren todo o territorio rural de Galicia, estando convocado en cada unha delas un Consello de Zona, que terá a función de deseñar o Plan de Zona, ou plan de actuacións concretas do PDRS nese territorio, así como asesorar e controlar a súa aplicación.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.