Durante 2006 a agricultura voltou a ser protagonista das negociacións de liberalización comercial que se desenvolveron na Organización Mundial do Comercio (OMC). A finais de xullo, e tras varios intentos desesperados por revitalizar o debate, o director xeral da OMC, Pascal Lamy, decidiu unha suspensión das negociacións da OMC. As razóns radicaron na intransixencia de EEUU para realizaren cambios nas súas estruturas de apoio á agricultura e as crecentes pretensións dos países en vías de desenvolvemento para mellorar o acceso ó mercado da UE para os seus productos agrícolas. Os negociadores europeos teñen dado mostras de certas «dúbidas» ou «vacilacións» na defensa das concesións xa realizadas pola agricultura europea e persiste a inquietude en moitos Estados sobre a actitude da Comisión e unha posible vulneración do mandato de negociación outorgado polo Consello.
No ámbito europeo, as presidencias de Austria e Finlandia poden ser calificadas de «etapa de transición» pois durante o mandato destes dous países non se teñen adoptado grandes decisións sobre a PAC aínda que se debatira con intensidade sobre algúns aspectos fundamentais da PAC e o modelo europeo de agricultura.
A Comisión Europea aproveitou 2006 para lanzar un profundo debate sobre a simplificación da PAC. Fischer Boel pretende que a simplificación sexa a gran protagonista do seu mandato ó igual que o desacoplamento o foi do anterior comisario Franz Fischler. En materia de simplificación, a Comisión ten elaborado un paquete con 20 medidas e unha proposta sobre a denominada «OCM única» que pretende reagrupar as 21 existentes nun único texto lexislativo. En principio, o alcance desta medida debería permanecer nun ámbito técnico pese o interese de moitos por ir máis alá e proceder tamén a notables cambios con alcance político.
No marco dun debate global sobre a política enerxética da Unión, a Comisión Europea publicou unha Comunicación para promover o uso de biocarburantes como continuación á publicación do Plan de Acción sobre a Biomasa. Sen embargo, este ano esperábase un paquete de propostas e medidas para incentivar os cultivos enerxéticos que finalmente convertiuse nunca descafeinada presentación dunha proposta de regulamento para ampliar o réxime de cultivos enerxéticos ós novos Estados membros e aumentar a superficie máxima garantida ata os 2.000.0000 de hectáreas.
Respecto ó Desenvolvemento Rural, o ano que finaliza serviu para que a Comisión definise as súas liñas estratéxicas e o reparto de fondos por país, incluidos os procedentes da modulación. Os Estados teñen deseñado as súas estratexias nacionais ás cales se deberán amoldar os programas de desenvolvemento rural de cara ó novo período de programación 2007-2013.
En xuño, a Comisión Europea presentou unha Comunicación sobre a reforma da OCM do viño que será a base das propostas lexislativas que se publicarán antes do verán.
Tamén no ámbito sectorial se debatiu sobre a inminente reforma da OCM de frutas e hortalizas, coa preparación dunhas propostas que verán la luz a principios do presente ano 2007, inspiradas na filosofía do desacoplamento.
A actividade agrícola en Europa, sempre intensa, tambén deparou unha nova normativa sobre bebidas espirituosas, un cobizoso plan de acción forestal, novas disposicións en materia de agricultura ecolóxica, unha estratexia comunitaria de saúde animal é un plan de acción para o benestar animal, entre outros asuntos.
PAGO ÚNICO: Vital no 2007
A novidade mais importante do pasado ano 2006 foi a aplicación da reforma da Política Agraria Comunitaria e a consecuente adxudicación e pago dos dereitos definitivos de Pago Único. Se establece así un novo sistema de axudas, sendo a súa principal característica a desvinculación dos pagos respecto da producción de alimentos.
Estas modificacións inclúen novidades acerca de calidade agroalimentaria, certificacións das produccións, benestar animal, respecto do medio ambiente etc, e todas elas co obxectivo de conseguir unha agricultura e gandería sustentable e unhas produccións de maior calidade. Estes cambios levan consigo, unha vez mais, un importante esforzo dos nosos agricultores para adaptar as súas produccións as demandas do mercado, cuestión que de cara a un futuro próximo vai a ser importante, pero neste momento supón un aumento inmediato nos custos económicos da explotación.
O establecemento do sistema de pago único por hectárea, o seu seguemento e eficiencia, resultará vital para os intereses do sector agrario no 2007.
Polo demais, detectáronse numerosos erros nas comunicaións de dereitos. Xóvenes Agricultores denunciou neste sentido o incremento da carga burocrática e recordoulle ó Conselleiro de Medio Rural que a simplificación dos trámites para os agricultores foi un dos obxectivos que se marcou na súa toma de posesión, polo que estamos ante un evidente fracaso da súa política.
SECTOR LÁCTEO: a debacle que artellou a ministra
No sector lácteo asistimos no 2006 á debacle total liderada pola Ministra Espinosa, quen estableceu un sistema de xestión de cotas rexionalizado, algo totalmente inxustificable e nefasto para os intereses dos productores galegos, maioritarios no sector, pero desprezados polo Goberno Central co visto e prace do Autonómico.
Ademais, a inxustificada baixada dos prezos por parte das industrias levou ás movilizacións do sector en Galicia, sen resposta satisfactoria algunha por parte dos responsables políticos.
Igualmente, seguemos a padecer a deficiente posta en marcha da Certificación e Trazabilidade no leite, con programas que non terminan de seren definidos
.
No 2007 esperamos que Xunta e Ministerio escoiten ó sector e se poñan ó dia en consonancia coas novas perspectivas anunciadas en Europa, e a posible desaparición do sistema de cotas e que se debatirá no «chequeo médico» da PAC no 2008. Urxe consensuar un novo Plan Lácteo actualizado, e para eso e tendo en conta a todos, se debera facer en Galicia, onde se sitúa a maioría das explotacións.
Por outra banda, Xóvenes Agricultores sigue insistindo no traslado da Interprofesional Láctea a Galicia. Ademais, demandamos a definitiva implantación do recibo único de leite para tódalas empresas, así como a desaparición dos acordos ilegais entre elas, que impiden na práctica que os productores poidan elixir libremente a quen vender o leite.
Tra-lo fracaso da Mesa do Leite urxe a normalización e transparencia nas relacións entre gandeiros e industrias, e ese foro débese ubicar en Galicia.
SECTOR CÁRNICO: prezos e crises
Coa chegada de 2006 entraron en vigor as novas disposicións aplicables os rexímes de axuda directa no marco da política agrícola común. En España, o réxime de pago único se aplica na súa modalidade parcial e, polo tanto, os sectores de gando vacún e de ovino e caprino reciben unha axuda acoplada, independentemente dos importes que perciben pola activación dos dereitos de pago único con carácter desacoplado.
Asimismo, pola aplicación do artigo 69 do Regulamento 1782/2003, tódolos pagos por gando vacún sufren unha retención do sete por ciento co que se obtén un montante aproximado de 55 millones de euros. Desta cantidade, 48 millóns se destinan a un pago adicional ás explotacións que manteñen vacas nodrizas e 7 á producción de carne de vacún de calidade recoñecida oficialmente.
VACÚN DE CARNE E PORCINO: Mellora dos prezos
No vacún de carne, tal e como vaticinamos a finais do 2005 dende Asaja – Xóvenes Agricultores, e debido en boa parte ó desacople da prima de cebo, foi posible unha suba dos prezos ó gandeiro.
Xóvenes Agricultores insiste en que o Ministerio debe continuar ampliando o desacoplamento neste sector. Así mesmo débense consolidar as » marcas de calidade» que están xurdindo ultimamente, tanto en Tradicional como en Ecolóxico, ó abeiro do tráballo realizado pola IXP Ternera Gallega.
En canto ó sector porcino tamén se mantivo a bo nivel durante os tres primeiros trimestres do ano, aínda que durante o último ten sufrido un descenso o que orixinou que a principios de decembro o prezo fuese lixeiramente inferior ó do ano pasado por estas mesmas datas.
No aspecto sanitario podemos indicar que ven de pasar un ano tranquilo en España, sen grandes contratempos. Sen embargo, a nivel europeo a sorpresiva aparición de varios focos de lingua azul durante o pasado verán ten levado a intranquilidade a numerosos Estados membros.
En España vimos de sufrir problemas para as importacións de gando de recría de zonas conflictivas. O que nun principio parecía unha aparición esporádica e anecdótica da enfermidade se está a convertir en duradeira e expansiva, o que está levando o pesimismo ós expertos veterinarios, que temen que o virus da febre catarral se instale de forma permanente no norte de Europa. Segundo o último balance da Comisión, a primeiros de decembro foran confirmados 2.130 focos de lingua azul.
Por último, señalar que en maio o Goberno aprobou un Decreto cuio obxectivo foi establecer as bases do programa nacional para a loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky, que é de aplicación en todo o territorio nacional.
GRIPE AVIAR: Falta de reacción, ausencia de información
Na avicultura o ano veu marcado pola gripe aviaria e a súa influenza negativa nos mercados. Nin o Ministerio de Agricultura nin a Consellería de Medio Rural foron capaces de artellar medidas efectivas para paliar as perdas ocasionadas ós productores. Por non facer, nin sequera crearon unha comisión de seguimento como a que lles reclamou Xóvenes Agricultores, entre outras cousas porque os gandeiros non sabían si a influenza aviaria afeactaba a tódalas aves, se as que se criabana para consumo estaban igualmente exportas, se tiñan que sacrificar as súas galiñas, patos, pombas, xílgaros e outras mascotas, ou era suficiente con mantelos engaiolados
Continúa a crise no sector do OVINO
Polo que ós prezos se refiere, o sector que peor parado saiu durante o 2006 foi o ovino, cunhas cotizacións notablemente inferiores ás do ano anterior, xa de por sí malas. O ovino está en crise, o que conleva a desaparición dun número importante de cabezas. Como consecuencia desta diminución e da decisión de aplicar o desacoplamento parcial, o sector ten perdido durante este ano cerca de oito millóns de euros en concepto de axudas da Unión Europea.
Por outra parte, a negativa de Bruxelas a reducir o periodo de retención das axudas ó ovino e caprino acarreou graves prexuízos económicos ante a incompetencia das administracións para axudar ós ganadeiros españois.
APICULTURA: Feroz competencia de terceiros países
O sector apícola continuou arrastrando un ano máis graves problemas, que no son outros que a competencia de terceiros países e as enfermidades que deciman a cabana apícola. Ademáis, en 2006 continuou a situación de seca en moitas zonas.
O MAPA aprobou en xuño o programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas cuio obxectivo é manter as colonias cun nivel sanitario adecuado, mediante o control da varroa e outras patoloxías.
En 2006 houbo importantes descubrimentos científicos en canto á posible causa da grave enfermedade denominada despoboamento das colmeas, que indican como orixe máis probable ó novo parásito exótico Nosema ceranae.
AGRICULTURA: nas mans das marxes comerciais
O diferencial de prezos entre o que paga o consumidor e o que se percibe o productor resulta sencillamente escandaloso. O Observatorio de Prezos prometido polo Goberno non da froitos, e nunca millor dito
A agricultura ten que seguir potenciando as produccións cunha calidade diferenciada, e creemos de gran importancia a posta en marcha da agricultura integrada. Tanto a agricultura como a gandería galega teñen que apostar clara e decididamente por produccións de calidade a través das D.O. e I.X.P., que dada a previsible supresión de axudas e aranceis aduaneiros nos próximos anos, nos permitan mellora-la calidade de vida dos nosos agricultores.
Para conseguir este obxectivo, é necesaria a mellora da valorización e comercialización das nosas produccións. A reducción da marxe comercial entre os prezos en orixe e os prezos ó consumidor, xunto coa eliminación dos mercados de productos reclamo con prezo por debaixo do custo de producción, debera ser outro dos obxectivos a conseguir.
A VITICULTURA merece especial mención, ante a intención da Comisión Europea de eliminar en España 400.000 hectáreas de viñedo. Xóvenes Agricultores-Asaja está totalmente en contra desta medida, por canto España é un dos países con mellor posición competitiva e tal intención europea non faría senón ceder o mercado a terceiros países.
En D.O. coma as galegas tal medida resulta inaceptable. A reestructuración, profesionalización e mellora na calidade deben seguir a centrar os nosos esforzos.
Polo demais, o viño non é unha bebida alcohólica peligrosa como sostuvo, nun auténtico disparate, a Ministra Elena Salgado. Débese rectificar o borrador da lei que prepara o Ministerio de Sanidade, para prever o consumo de alcohol entre menores. Nela prohíbese ás adegas utilizar as súas marcas comerciais para o patrocinio de actividades, a venta de productos -como aceites ou vinagres- ou a promoción de emprazamentos turísticos. Xóvenes Agricultores considera que a proposta do Goberno prexudicaría gravemente ó sector vitivinícola, polo que esiximos que haxa una diferenciación a partir da gradación de alcohol.
DESENVOLVEMENTO RURAL: Ano de peche e deseño da nova programación
2006 foi sen dúbida, un ano relevante para o Desenvolvemento Rural, posto que significa o peche dun periodo (2000-2006) para abrir a porta á nova programación que estará vixente ata o ano 2013. Brevemente, os principais feitos foron:
Perspectivas financeiras. Iniciouse o ano cos resultados do Cumio de Xefes de Estado e de Goberno, na que se adoptou o compromiso político polo que se fixan os orzamentos comunitarios para o periodo 2007-2013. España sufriu un duro recorte, o que para o Desenvolvemento Rural se traduce nunha reducción presupostaria respecto do ano anterior de entre o 40 e o 50 por cento.
Novo Regulamento Comunitario. O novo periodo de programación en materia de desenvolvemento rural incorporou importantes novedades recollidas no Regulamento 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). En síntese compre salientar o seguinte:
¢ Fondo Único: o FEADER ocuparáse do financiamento destas políticas.
¢ Subdivisión das diferentes medidas en tres eixos temáticos e un horizontal cunha asignación porcentual mínima obrigatoria: o eixo 1 inclue as tradicionais medidas de estruturas agrarias (asignación mínima do 10%); o eixo 2 inclue as coñecidas medidas agroambientais, forestación, etc. (cunha porcentaxe mínima do 25%); e un eixo 3, de diversificación, que incluiría medidas de diversificación (asignación mínima do 10%).
¢ Orientacións Estratéxicas comunitarias na programación e unha Estratexia Nacional como unidade de xestión para cada Estado membro.
¢ Inclusión da Rede Natura nas medidas do eixo 2 e priorización das medidas de carácter ambiental nos espazos que conforman esta rede.
¢ Posibilidade para os Estados membro de optar por unha programación rexional.
Plan Estratéxico Nacional. O MAPA consensúa coas Comunidades Autónomas aquelas medidas que deben incluirse en todos os programas autonómicos. Así, para o eixo 1 se prevén catro medidas: xestión dos recursos hídricos, aumento do valor engadido das produccións agrarias, servizos de asesoramento ás explotacións agrarias e instalación de xóves agricultores. Para o eixo 2, as medidas que deben implantarse en todo o territorio nacional son: mitigación da desertificación e prevención de incendios forestais e Rede Natura 2000 no medio forestal. No caso do eixo 3 se definen unha serie de prioridades como a creación de oportunidades de emprego, a creación de pequenas e medianas empresas, a diversificación de explotacións cara a actividades non agrarias, o fomento de actividades turísticas, a modernización de infraestructuras locais e servizos para a poboación rural, a restauración, conservación e valorización do patrimonio rural e a renovación de pobos.
Reparto presupostario entre Comunidades Autónomas. No pasado mes de decembro acadouse o acordo para o reparto entre as diferentes Comunidades Autónomas dos fondos cos que Bruxelas financiará o desenvolvemento rural en España durante os vindeiros sete años. Do total de 7.388,22 millóns de euros, a Galicia lle corresponden 897,62 millóns.
SEGURIDADE SOCIAL: Novo sistema especial para o sector agrario
O máis destacable neste terreo foi a aprobación e posta en marcha, por parte do Goberno, do Acordo sobre Seguridade Social que ASAJA-Xóvenes Agricultores asinou co Ministerio de Traballo o 20 de outubro de 2005. Trátase dun novo sistema especial para o sector agrario que se enmarca no RETA e se adapta a realidade do sector. Con este modelo, confiamos en que haxa un encadramento axeitado dos agricultores e gandeiros no devandito Réxime e evitemos así as incertezas do anterior sistema para permanecer nel. Este novo sistema vai beneficiar tanto aos cotizantes que estaban ata agora no REASS, como aos do Réxime transitorio que se acolleron o 1 de xaneiro de 2004, como aos actuais do RETA que cumplan os requisitos pero que poderán cotizar no novo sistema ao tipo do 18,75 por cento sobre a base, e non sobre o 26 por cento que é o tipo do RETA. Diste xeito, gardanse as especificidades do Réxime Agrario.
Destacar tamén as aportacións realizadas por ASAJA no Ministerio de Traballo tralo acordo do mes de xullo da Seguridade Social que ratificaron a patronal e os sindicatos, e que dou pe á posta en marcha dunha mesa de traballo sobre a integración de empregado por conta allea do REASS ao Réxime Xeral.
INCENDIOS: a catástrofe do verán
Mención aparte merece a deficiente xestión do Goberno galego nos incendios do verán do pasado 2006. En opinión de Xóvenes Agricultores a Xunta de Galicia tivo responsabilidade técnica e política na vaga de incendios que nos primeiros días de agosto causou a morte de catro persoas e o arrase de 80.000 hectáreas de montes.
Na sua comparecencia ante a comisión parlamentaria de incendios, o representante de Xóvenes Agricultores cualificou o sucedido como de catástrofe ecolóxica e ambiental e denunciou que a maioría gubernamental impedira a constitución dunha verdadeira comisión de investigación que coñecera as causas do sucedido e delimitara responsabiliades e responsables do acontecido.
Na actualidade estánse a artellar normativas que resultan de imposible aplicación, como a Lei de Prevención de Incendios, mais ben de cara a galería e para lavar a cara do Conselleiro de Medio Rural tra-la súa deficiente xestión dos lumes no vran.
BANCO DE TERRAS: tarde e mal
Máis palabras que feitos. Dende Xóvenes Agricultores, e a través do Consello Agrario temos presentadas as alegacións pertinentes a un proxecto que segue a liña habitual da Consellería de Medio Rural, que non é outra que a de «vender» públicamente proxectos estrela, inviables na práctica, con contínuas presentacións ós medios de comunicación.
Na actual coxuntura, Xóvenes Agricultores non pode apoiar a creación do Banco de Terras, unha ferramenta que posiblemente tivera razón de ser hai dez anos pero que, na actualidade, de chegar a implantarse viría con moitísimo retraso en un escenario no que o que vai sobrar é terra.
Pola contra, dende a nosa Organización o que sí defendemos é o incremento da superficie agraria útil das explotacions dado que significa unha menor dependencia de insumos externos. Agora ben, para a nosa organización, o maior problema que sufren os agricultores e gandeiros galegos é a excesiva fragmentación da terra e a penosa rede de accesos os predios que incluso impide, en moitos deles, un laboreo mecanizado moderno.
Polo tanto, entendemos que hai que por en marcha un proxecto amplo e ambicioso destinado a rematar todos os procesos de concentracións parcelarias xa iniciados, e proceder a decretar todas aquelas zonas de interese agrario, gandeiro ou forestal con caracter de urxencia. Pero tamén procede que dende a Administración se faciliten os arrendamentos entre particulares, garantíndolles unha seguridade xurídica que agora non teñen, e ofertándolles incentivos fiscais, tributarios e económicos.
En resumo, un ano para esquecer, sobre todo polas nefastas actuacións ou a falla de interes dos gobernos autonómico e central en temas agrarios e mesmo nos habitantes do rural
Santiago, 8 de xaneiro de 2007
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.