O Sindicato Labrego Galego quere saír ao paso das mentiras e difamacións vertidas en varios medios de comunicación por Unións Agrarias respecto dos acordos de comercialización acadados na Denominación de Orixe Monterrei para dar saída aos 400.000 litros almacenados de excedente de viño.
Unións Agrarias minte cando afirma que o Sindicato Labrego acordou con Adegas Arnoya a saída do viño excedentario a un prezo de 16 céntimos o litro. A verdade, que pode contrastarse con todos os viticultores e viticultoras que se están beneficiando deste acordo e cos documentos que existen ao respecto, é que o convenio foi con Adegas Galegas, que está mercando ese viño a un prezo de 8 euros a ola ou, o que é o mesmo, a 50 céntimos o litro. No SLG sabemos que non é o prezo ideal para un viño da calidade que se fai en Monterrei, pero si que foi a mellor das solucións, por non dicir a única, que se acadou para impedir que eses 400.000 litros de excedentes ficasen almacenados sen comprador ad aeternum.
Ademais de mentir, Unións Agrarias cae na máis mesquiña hipocrisía cando afirma que, agora debería ser o intre de falar de prezos e contratos en troques darlle saída comercial aos excedentes de Monterrei. Todos os axentes que participan na Mesa do Viño de Monterrei, dende as adegas á Consellaría de Medio Rural, saben que a cuestión dos prezos e dos contratos estivo na orde do día das últimas reunións deste foro de diálogo grazas á insistencia do Sindicato Labrego mentres que, pola contra, Unións Agrarias fixo todo o posíbel para que non se entrasen a debater estes temas.
Dende o Sindicato Labrego ignoramos o porque de tanta mala fe por parte desta organización agraria, e pregámoslle que se dedique a traballar polo sector, que falta fai, en troques de buscar dubidosos beneficios a través da falacia e da difamación. Dende logo, estamos seguros de que os viticultores e viticultoras de Monterrei saberán poñer a cadaquén no lugar que lle corresponda cando chegue o intre de facelo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.