O Sindicato Labrego Galego quere facer pública a súa satisfacción e apoio ante o capítulo 1.4 do informe do Valedor do Pobo 2004, titulado “Control dos usos do solo rústico de protección agropecuaria na lei 9 / 2002” e redactado pola Vicevaledora segunda, Olga García Agra.
Este informe detalla o grave problema en cuestión de superficie agraria útil que arrastra o agro galego por mor da proliferación descontrolada de plantacións forestais fomentada pola Xunta, especialmente de eucalipto, e da invasión de terras agrarias. Os datos son reveladores: a superficie agraria útil en Galiza constitúe o 22% do territorio, mentres que no resto do Estado supón o 51%. E iso a pesar da sangría de explotacións que pecharon entre 1987 e 1997 no noso país: 112.600 (pasamos de 227.400 a 114.800), factor que debería ter contribuído a liberar terra para as explotacións que ficasen aínda activas, e aumentar a superficie agraria útil. Paradoxalmente, a superficie agraria útil en Galiza diminuíu nesa mesma década en case 89.000 hectáreas. A causa é que boa parte da superficie agraria útil liberada polo peche de explotacións ficou abandonada ou forestouse.
Para o Sindicato Labrego Galego, o problema da forestación de terras agrarias é de grande transcendencia, pois priva aos labregos e labregas de dispoñer de base territorial suficiente para desenvolver a súa actividade, e provoca outros problemas directos como un encarecemento dos custes de produción e a intensificación do modelo agrario, resultando disto unha produción alimentaria de peor calidade e con consecuencias negativas para a saúde humana.
O Sindicato Labrego Galego fixera, hai un mes, un chamamento á Xunta de Galiza –cun escrito ás consellarías de Medio Ambiente, Política Agroalimentaria, Política Territorial e Sanidade- para que paralizase un novo plan de forestación de terras agrarias que tiña intención de pór en marcha. Agora, coa convocatoria de novas eleccións autonómicas, o SLG quere ampliar o seu chamamento a todas as forzas políticas que concorran aos comicios para que asuman como prioridade nos primeiros días de goberno as recomendacións que a Vicevaledora, Olga García Agra, fai no seu informe:
“Adicar as terras máis produtivas de Galicia para plantacións forestais é un uso prohibido pola norma, na medida que non só constitúe unha utilización irracional dos nosos recursos naturais, senón que implica un gran risco de deterioro da alta produtividade do solo, que é o valor declarado a protexer.
É necesario e urxente a aprobación do regulamento que desenvolva pormenorizadamente os usos do solo determinados pola lei, en especial as condicións e límites das facultade de realizar plantacións no solo rústico e da actividade de realizar construcións para uso residenciais no solo de protección agropecuaria”.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.